A biografía de Alejandro Viana Esperón é o resultado do traballo de investigación desenvolvido polo seu familiar Roberto Mera Covas dende o ano 2000, un traballo aínda aberto na actualidade, e que permitíu rescatar do absoluto esquecemento a unha persoa excepcional. Neste apartado ofrécese unha sintética cronoloxía da vida de Alejandro Viana así como unha biografía resumida. Ademais, pódese acceder ao traballo completo de investigación. En 2021, Mera publicou en Belagua Ediciones o libro “Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos”, centrado na etapa comprendida entre 1936 e 1952. No libro nárranse as vivencias de Viana na Guerra Civil, o seu labor humanitario e a organización das expedicións de refuxiados en barco a América dende Francia, as súas vicisitudes para eludir á Gestapo e á Falange trala ocupación nazi e a súa odisea de once meses polo continente africano para chegar a México.